No último fascículo introducíache un tema fascinante e quixen facelo dun modo un tanto orixinal porque si es lector da NAVALLA abofé que les outras publicacións onde xa terás escoitado falar da influencia dos pensamentos en cómo percibimos a realidade e como isto pode alterar as reaccións no noso organismo, existen múltiples estudos que analizan factores como o efecto que ten unha súbita recompensa sobre a percepción do esforzo percibido nun test maximal ata o efecto do diferente etiquetado dun idéntico refresco na reacción insulínica dos participantes… existe un acordo unánime entre os investigadores en que a nosa mente exerce un forte efecto sobre o que acontece dentro de nós.
Como a NAVALLA é un lugar íntimo podo contarche, a modo de opinión ó respecto, que logo do meu trasplante de médula estiven dous días literalmente morto… pero eu continuaba a respirar simplemente porque despois de inspirar tocaba exhalar… sen máis. Se o equipo médico me hobese deixado saber en detalle a qué me ía enfrontar e cal era a miña situación real coido que tí non estarías a ler agora estas liñas meu amigo ou amiga… pero iso é outra historia.
Poida que por isto que che acabo de contar teña prestado moita atención e interese sempre polo efecto dos pensamentos á hora de afrontar calquera reto, especialmente tratándose dun grande esforzo físico como unha proba deportiva.
Que afecta a nosa psique no rendemento nunha carreira é algo fóra de toda dúbida e un dos xeitos máis evidentes que ten de facelo e sobre o que imos poder actuar é a través do chamado “nivel de activación mental”.
Cando realizas un esforzo máximo aumentan os requerimentos de O2, a frecuencia respiratoria aumenta á mesma vez que a tensión arterial e a frecuencia cardíaca, e todo para dar resposta ós requerimentos enerxéticos da musculatura que estamos a accionar. Isto acontece cando o esforzo comeza a supoñer unha esixencia para o organismo, pero acontece tamén cando estás dando un paseo polo monte e ves un xabarín coas crías que te observa dende o centro do camiño… sí ou non? Nese momento o teu organismo está a reacionar aumentando o fluxo de O2 cara os músculos anticipándose a un esforzo previsible que lle plantexa a túa mente e non ante requerimentos reais.
Víchelo moitas veces por televisión: os dous corredores máis fortes soben a paus a última subida. Poida que o teu favorito teña mellor cara, de feito lévase mostrando máis sólido durante toda a Volta, pero hoxe están tremendamente igualados. De súpeto, nunha demarraxe, senta o cú tan só un instante antes que o rival, e dende o momento en que ambos perciben esa situación esa igualdade inicial vírase nun capacho de minutos na meta.
Podemos exercer un control sobre este nivel de activación mental para que xogue ó noso favor á hora de render ó máximo?, pois claro que sí. E na NAVALLA imos tratar de que tí poidas chegar a ese control dun modo sinxelo e claro a través de tres simples pasos:
Aprender a graduar o teu nivel de activación.
Localizar o teu nivel óptimo, o que che vai permitir dar o teu máximo.
Buscar unha ferramenta que che permita volver a él no momento óptimo.
Continuará…
Lémonos aquí e saudámonos na estrada!
Podes atoparme en:
Podes contactarme en:
●bts.rendementosaudable@gmail.com
Podes unirte a:
0 Comentarios
Gracias por su comentario