Como van esas sesións de rodillo? Fuches quen de ir implementando algunha das ideas que vimos nos últimos fascículos? Si estás a seguir a NAVALLA lembrarás que che estiven tratando de peneirar un pouco algunhas ideas que James Clear nos conta en Hábitos atómicos e buscarlle encaixe no teu día a día usando como exemplo o reto de incluír unha hora de rodillo agora que se nos ven de botar enriba o inverno.
Deixeiche un espazo de 15 días para que tiveses ocasión abondo de ir experimentando… e porque non tiven xeito humano de me poñer a escribir a pasada semana, teño que ser sincero, pero penso que te puideches dar de fuciños xa co meirande problema que temos cando facemos rodillo: o aburrimento.
A bicicleta é movemento e aventura, por iso cando a encadeamos a un rodillo pechados na casa nos podemos sentir como un animal nun zoolóxico.
No presente fascículo quero recompilar para ti algunhas ideas para facer da túa hora de rodillo algo máis eficiente e dinámico, e quero facelo como sempre na NAVALLA: sen fliparnos. E aquí un pequeno paréntese sobre as plataformas dixitais: facer rodillo é gratuíto. Ademais queremos implementar ese hábito e que sirva para un propósito: cumprir os teus obxectivos dentro dunha tempada planificada. Si te estás a meter en carreiras on-line e facendo adestramentos interválicos para que che pase antes esa hora non estarás a cumprir ningún dos dous propósitos.
Aquí imos sempre ó sinxelo, e resulta que cantos máis estímulos “virtuais” precises para cumprir co teu propósito máis efémero vai ser todo o que acades. Aquí catro ideas para as túas sesións de rodillo neste tempo que che permitan incluír estímulos “reais” e respectar a planificación axeitada da túa tempada:
Espello. Non é unha broma que moitos ciclistas profesionais confesen que utilizan esta ferramenta durante as aburridísimas sesións de rodillo os poucos días que non poden saír a cumprir co seu traballo. Durante a pandemia quedou se cadra máis de manifesto a súa utilidade e pode chegar a reducir considerablemente a percepción do tempo transcorrido durante o adestramento. Se tes ocasión non dubides en probar e xa me contarás…
Cadencia. Un elemento co cal xogar e tamén un estímulo interesante. Durante un esforzo máximo a cadencia óptima será a auto-seleccionada, SEMPRE! …de modo que estás nun bo momento, lonxe das probas obxectivo e dos adestramentos máis duros, para xogar con este estímulo e procurar melloras a largo prazo. Calquera período de tempo dividido en partes resulta máis breve… é doado, así é como logras cumprir a túa xornada laboral ou na facultade sen te volver tolo. Xoga coa túa cadencia: 5´ cunha cadencia elevada e outros 5´ a cadencia anormalmente baixa van facer que a túa horiña de rodillo sexa máis levadeira e vas incluír un estímulo novo ós teus adestramentos. (contar as pedaladas durante 15¨ e multiplicar x4 afórranos un sensor de cadencia, pénsao).
Respiración. Un estímulo potentísimo e tremendamente real. Dende as situacións de hipoxia ata apneas controladas as técnicas que utilizan o control da respiración como método eficaz (e gratuíto) para obter adaptacións ó adestramento son numerosísimas. Iso si, sen máis asesoramento nin control que a lectura destas liñas, limítate a controlar a respiración durante breves espazos de tempo (colle aire durante 3 ciclos de pedalada e exhálao durante 6) con recuperacións amplas.
Equilibrio. Son moi fan dos rodillos de equilibrio. Que máis se pode pedir se o que un quere é facer esta actividade amena, incluír novos estímulos e adquirir destrezas? E xa o temos todo se ademais che gusta compartir os teus logros nas redes sociais e te marcas un video soltando as mans por primeira vez no teu rodillo de equilibrio…
Anímaste?
Lémonos aquí e saudámonos na estrada!
Podes contactarme en:
●bts.rendementosaudable@gmail.com
Podes unirte a:
0 Comentarios
Gracias por su comentario