Diciamos a pasada semana que neste momento do ano é normal plantexar novos propósitos e incluír nas túas rutinas diarias pequenas pautas que che poidan levar un paso máis lonxe nos teus obxectivos, propósitos que non sempre acadamos por múltiples motivos. Quero aproveitar este momento do ano para che botar un cabo con este tema e vouno facer partindo do esquema básico que plantexa James Clear en “Hábitos atómicos”. Lectura que che recomendo se queres profundar no que aquí che conte.
O primeiro que nos explica Clear é a estrutura que para el ten un hábito: sinal - desexo - resposta - recompensa. Sen nos parar moito nesta estrutura si che podo contar que é habitual esquecer parte do camiño e tratar de chegar directamente do sinal á recompensa, xa que nun percorrido circular estarían un xusto a carón do outro, pero coller atallos adoita ter consecuencias negativas.
Exemplo práctico: este ano quero manter a forma durante o inverno e non coller tanto peso. Fago media hora de rodillo luns, salgo unha horiña martes, chove, mércores as zapatillas están aínda molladas… a ver mañá… fin…
O primeiro consello de Clear para manter o teu bo hábito é: FAINO OBVIO!
Es deportista, probablemente ciclista, o ambiente no teu fogar ten que evocar o que ti es, tense que respirar ciclismo. Pero ollo, que isto é A NAVALLA DE BOTIS, es ciclista pero non millonario e probablemente tampouco vives só. Non podes ter un ximnasio na habitación, un taller no garaxe nin unha cociña con botes de suplementación apilados en plan “influencer vendedor de crece-pelo”. Que che parece se comezamos por tratar de ter sempre froita fresca sobre a mesa da cociña, unha foto túa dunha proba da que gardes bo recordo á vista e, sempre a carón da roupa do día a día, preparada a equipación, casco e zapatillas do día seguinte.
Date uns segundos e pensa no que acabas de ler…
O que che propoño é que deas o primeiro paso de Clear: faino obvio! Cando entres pola porta e vexas aquela foto lembrarás que si es deportista, e canto disfrutas facendo o que che gusta; ó pasar pola cociña non esquecerás que un deportista coma ti debe alimentarse ben e hai poucas cousas que dean máis pracer que un primeiro bocado a unha mazá… e diante da túa equipación preparada do día anterior saberás perfectamente que é o que toca agora e iranse derretendo as escusas na túa mente.
Que tal se probas con algunha destas cousas antes de pasar ó seguinte paso no seguinte fascículo?
Podes probar, como che dixen a pasada semana con calquera tipo de hábito que queiras incluír na túa rutina diaria, teña ou non que ver co adestramento ou o ciclismo: faino obvio!
Ánimo!
Lémonos aquí e saudámonos na estrada!
Podes contactarme en:
●bts.rendementosaudable@gmail.com
Podes unirte a:
0 Comentarios
Gracias por su comentario