A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 34, cuantificación da carga externa sen potenciómetro V

Nas últimas semanas viches como non é necesario gastar diñeiro para poder levar unha programación minimamente ordenada dos adestramentos, simplemente cómpre ter claros un par de conceptos, como es lector da NAVALLA ti xa os tes, e xogar coa creatividade para que tamén sexan máis divertidos eses adestramentos.

Agora xa só nos queda pechar o círculo para podermos falar propiamente de “programación”. Ó igual que cando programas unha viaxe tes en conta os imprevistos do tráfico, obras ou mesmo avarías, programar unha tempada de adestramento non está exento de sorpresas: enfermidade, lesión. exceso de traballo…

Como xa sabes o medidor de frecuencia cardíaca (FC) vai ser o mellor aliado cando traballes a intensidades por debaixo de umbral pero cando os adestramentos se poñen máis serios, na nosa linguaxe: cando abre a electroválvula do teu “motor V-Tec”, é necesario poder acudir a medios de medición da carga externa. Disto véñoche falando nos últimos 4 fascículos.

Vas ter que ser quen de cuantificar a túa fatiga. Vouche definir aquí fatiga como o número de voltas ó circuíto de carreiras que lle faltan á túa máquina para romper algunha peza desas que veñen de Alemaña. Entendémonos, non si?

Existen cantidade de métodos, ecuacións, métricas e gráficas distintas que entre uns e outros che van vender como as mellores para calculares o teu grao de fatiga e incluso predicires o teu rendemento a meses vista. Hai que recoñecer que como método de marketing é atractivo, e sen negar certo grao de evidencia en todas elas absolutamente todas adoecen de problemas de individualización que deben de ser correctamente detectados e corrixidos polo teu adestrador.

Os quilómetros percorridos, o Trainning Stress Score, os kilojulios ou a variabilidade de frecuencia cardíaca son métodos que teñen demostrada a súa validez, pero como ser humano contas con un sistema tremendamente complexo desenvolvido durante miles de anos e con un grao de infalibilidade infinitamente maior: chámase cansanzo.

A dor muscular, as gañas de adestrar, a calidade do sono, as variacións no ciclo menstrual ou mesmo os cambios de humor son distintos pilotos do teu centro de mando que che van indicar o teu estado de adestramento moito mellor que calquera algoritmo que che queiran vender.

Diego Hilgemberg, Clint Bellenger e Fabiana Andrade veñen de publicar en Journal of sports sciences o seguinte ensaio no que compararon distintos modos de prescripción de adestramento en deportistas recreativos:

“Individually guided training prescription by heart rate variability and self-reported measure of stress tolerance in recreational runners: Effects on endurance performance”. (Individually guided training prescription by heart rate variability and self-reported measure of stress tolerance in recreational runners: Effects on endurance performance - PubMed (nih.gov)).

Os resultados do ensaio suxiren mellores resultados no adestramento guiado polas propias percepcións do atleta fronte ó adestramento predefinido e tamén fronte ó adestramento guiado pola variabilidade da frecuencia cardíaca.

As túas percepcións subxectivas poden ser a mellor ferramenta na predición da fatiga e control da carga de adestramento, máis non é tan sinxelo, o teu organismo non fala galego, nin castelán, nin inglés. E isto conecta de novo con todo canto che veño tratando de contar dende que comecei a compartir contigo A NAVALLA DE BOTIS.

Habemos profundar algo máis no vindeiro fascículo.

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Publicar un comentario

0 Comentarios