Pois ben, nos queda falar do último dos PRINCIPIOS BÁSICOS que che tiña comentado para que ti mesmo poidas cuantificar a túa carga externa de adestramento de xeito gratuíto e divertido, e ademais de xeito coherente e baseándote no coñecemento científico.
E sen máis imos comezar co PRINCIPIO DE ESPECIFICIDADE. Por enésima vez che lembro que aplica a cada adestramento e que a mellor ferramenta que temos para sermos específicos nun terreo, coma o galego, onde é difícil atopar terreo chan é utilizar o cambio…
Pero ten outra vertente este principio que nos indica que debemos ir avanzando no adestramento dende o xeral ó específico. Como se traduce isto? e o máis importante, como podes implementalo ti?
Vale, lembra que estamos a falar de empregar ferramentas de gravación de datos como Strava ou Garmin Connect para xestionar a carga externa de adestramento sen contar con potenciómetro, comezamos hai tres fascículos e xa falamos de como individualizar a túa carga, de como aplicar unha sobrecarga e agora vouche propoñer como podes ir buscando a especificidade no teu adestramento de forma progresiva cara o teu obxectivo.
Como nesta parte da NAVALLA me están a resultar útiles os exemplos vou empregar hoxe un que coñecemos todos: o GF Ézaro, e vou imaxinar que o teu propósito é baixar dos 15' que fixeches o ano pasado. Se lembras o que falamos hai dous fascículos, aquí temos un dato para individualizar o teu adestramento, ves como ós poucos van saíndo as cousas. Vale, estoume a centrar no tempo de subida, pero no percorrido hai que chegar até alí, si? Isto tamén afecta ó adestramento, traballar especificamente cada motor dos que che veño falando… por certo, que motor cres que predominará na túa subida ó Mirador de Ézaro en 15'? Aí cho deixo…
Se lle das unha volta e o pensas, a maneira en que a ciencia nos di que habemos xestionar o adestramento baséase en que cando comeza a tempada non vas ser capaz de facer esforzos que fixeches cando estabas en forma e logo cando te vas poñendo a punto irás achegándote ó esforzo máximo que vai ser o teu obxectivo. No caso destes 15' de Ézaro poderías empregar dous camiños opostos pero válidos que mesmo poderías alternar:
De unha parte vas coller un treito que poidas facer a tope nun tempo semellante (falamos disto no fascículo 29) e completalo en 25'. Xa temos unha proposta de inicio dende onde irás baixando o tempo aumentando a intensidade co paso das semanas.
De outra parte podes dividir ese tempo en 3, e facelo sobre o terreo collendo unha referencia. Comeza facendo repeticións até a primeira referencia en 5', aumenta as repeticións, vai recurtando os descansos. Continúa ata a segunda referencia en series de 10', aumenta tamén as repeticións… finalmente irás coa subida completa. Se nunca o fixeches así verás como podes repetir o que foi o teu mellor tempo en varias ocasións seguidas. Terás mellorado moito.
Para redondear a túa preparación do Ézaro respectando o PRINCIPIO DE ESPECIFICIDADE busca chegar ó teu “campo de adestramento” un día “tostado” e facer a túa mellor subida. Isto entre 15 e 8 días antes da proba e terás completada unha excelente preparación para Ézaro sen necesidade dun potenciómetro.
Como pasaremos a outras cousas no vindeiro fascículo non te cortes en enviarme calquera dúbida.
Lémonos aquí e saudámonos na estrada!
Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com
Podes unirte a:
0 Comentarios
Gracias por su comentario