A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 23, ir por sensacións?

Que tal foi a semana? Lembras a historieta de Sara e María do último fascículo, non sei si che resultou emocionante pero dende logo narra unha historia que acontece entre fitos fisiolóxicos ben interesantes, do mesmo xeito que cando ves unha carreira en televisión.

Ó igual que as nosas protagonistas, calquera deportista de elite é quen de intuír o que acontece no seu organismo a cada momento de carreira, en tempo real e con mellor precisión que calquera aparato por sofisticado que sexa. Cando escoitas a un deportista dicir que se move por sensacións, ou que “fulaniño ou fulaniña” vai por sensacións, non se trata dun deportista anárquico que no faga caso do seu Garmin nin do seu director… todo o contrario, estamos probablemente ante un deportista con tal coñecemento do seu organismo e tal experiencia que é capaz de anticipar o que vai acontecer e incluso… como no caso da nosa Sara, cambiar ese destino xogando eficazmente as cartas coas que lle toca xogar.

Por que é importante a educación e aprendizaxe desta capacidade para un deportista? Se mesmo a pasada semana Joxean Fernandez Matxín afirmaba que podían predicir o resultado nunha proba contra o reloxo do seu corredor Jay Vine cun marxe de erro de 2''… non cabe dúbida de que resulta abraiante, mais segue sendo unha diferencia bastante para gañar unha proba deste tipo ou quedar mesmo fóra do podio… tamén recoñecía o propio Matxin que todo un tricampión mundial como Óscar Freire non tería sequera chegado a profesional atendendo ós seus números… logo…?

Máis aló de estudos, novos softwares e trebelladas varias , os umbrais fisiolóxicos existen, e podemos medilos de maneira “estática” nunha proba de laboratorio ou estimalos con bastante precisión con un test de campo. E por que fago fincapé en que os medimos de maneira estática? Pois porque flutúan a través do tempo, explícome: que ti foras quen de render 400w en 20' onte non significa que mañá non o poidas mellorar, ou quedarte pola metade… cada día vas render dun xeito distinto, e nin che conto ó longo dunha saída mentres pasan as horas ou durante unha carreira, vedade?

É por isto que un bo deportista debe ser quen de abstraerse do que marca o ciclo - computador ou de calquera sinal externo e poder identificar de que modo está a traballar fisioloxicamente en cada momento… e ti tamén, sexa cal sexa o teu nivel ou obxectivos. Isto vai marcar a diferencia entre a eficiencia e a excelencia tanto á hora de render como á hora de buscar os estimulos máis axeitados durante un adestramento.

Ollo, que non é doado eh! Pero vou tratar de darche as ferramentas que precisas para ser quen de xestionarte nos teus esforzos durante probas ou adestramentos e que por tí mesmo sexas quen de guiarte polas túas sensacións como o fan os deportistas de elite.

O método que imos usar é o mesmo dos tres motores que che veño expoñendo dende que comezamos, coido que como punto de partida che vai ser unha ferramenta fenomenal. Iremos entrando en detalle e vendo o que nos vai contando a investigación ó respecto así como algúns detalles que empregan tamén os mellores equipos World Tour.

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Ilustración: Julia Torrado

Publicar un comentario

0 Comentarios