- Hei Botis! Qué tal?
- Canto tempo “Pedro Máster”! Cómo che foi no “Desafío Vailledando”?
- Pois bah, veu alí “José Pro” a abusar e rebentar a proba, non sei para que os chaman…
- Home, entendo que é un aliciente rodar con xente así, aínda que sexa un anaco.
- Que va home, que va. Veu alí a chulearse máis nada.
- Bueno home, pero a tí cómo che foi?
- Pois cheguei alí a 200m metros de “Jose Pro”.
Isto é unha conversa real de hai tempo con pseudónimos que me serve pra ir poñendo marcos ó que quero contar. Imos por partes:
Cicloturismo vs deporte.
Enfronto ambos termos porque creo que non teñen nada en común. Cicloturismo é turismo en bicicleta, máis nada; en Galicia non habiamos ter dúbidas ó respecto mentres vemos que van medrando as vías EuroVelo ou moitos de nós vivimos do Camiño de Santiago. Falar de cicloturismo como categoría deportiva é unha perversión da linguaxe.
Por outra banda, unha proba deportiva como foi o Granfondo Ézaro ´22 é deporte. E o deporte, queridos amigos significa esforzo, sacrificio, superación e FRACASO! Si amigos, sinto ser portador de malas novas pero non creo que un se poida considerar deportista sen dar cabida a esta palabra no seu vocabulario. E sendo así cando un se inscribe nunha proba deportiva pode esixir da súa organización seguridade, os pertinentes seguros, asistencia médico - sanitaria… pero non se pode esixir o ÉXITO, iso sería unha soberbia obscenidade.
Hai empresas moi boas que se adican a organizar excursións guiadas en bicicleta, son unha boa opción cicloturista, pero cando acodes a unha proba deportiva debes ter presente a posibilidade de fracasar, sexa cal sexa a túa meta.
A cola de pelotón.
O pasado domingo mentres se demoraba a saída lanzada do GF Ézaro na parte traseira do pelotón comezaban a arrollar as críticas. Eu era consciente de que o perfil de ciclista que rodaba canda min nese momento era sensiblemente distinto ó meu, pero se cadra a miña “deformación xurídica” me impide perder de vista algo tan simple como o sometemento ás normas. Cando un ser humano vive en sociedade acata as leis (xa o contou Rousseau), cando un circula por unha vía pública está sometido ás normas de tráfico e cando se inscribe nunha proba deportiva está sometido ó regulamento da mesma. Todo este ámbito normativo nos afectaba camiño do Ézaro. Merece o meu máis severo reproche o comportamento dos ciclistas que pretendían desacatar unha orde directa dos axentes da Garda Civil e continuar circulando co dorsal visible.
Diferentes perfís.
Nun pelotón tan heteroxéneo existe un sinfín de perfís de ciclista que vou tratar de resumir aquí, sen afán de ofender a ninguén, pero tende en conta que isto pretende ser un artigo de opinión e cada quen é libre de se ofender ó seu gusto:
- O retómano. No deporte popular estamos saturados de “heroes”, que intoxicados por lemas baratos como “si quieres puedes”, “no hay límites”, etc, de “influencers” e “youtubers” de chicha e nabo chegan en ocasións a estas probas esquecendo a palabra FRACASO, e acaban culpando de todo a quen faga falta en vez de asumir que fracasaron e pensar cómo poden mellorar, ou pensar si o reto estaba realmente á súa altura. Pero como di a miña querida Mon: o termo “jabalí” fixo máis dano no deporte popular que o propio bicho cando arrasa as colleitas.
- O cicloturista. Chamo cicloturista ó perfil do ciclista que semella pensar que co prezo da inscrición se pode mercar unha estrada. É certo que o prezo das inscricións foi en aumento, pero a autorización administrativa concédese por un período de tempo determinado, neste caso 20´. Aquí convido a unha reflexión tamén: se o pasado domingo camiño do Ézaro se houbese dado a saída lanzada en Muxía como estaba previsto quén cre que houbese chegado a Ézaro dentro dese marxe?
- O flipado. O meu perfil favorito no que, ademais de toda a categoría máster teñen cabida tamén os “campións de Strava”, ás veces conflúen ambas categorías. O flipado quere medirse, quere poder contar que ía alí con profesionais, que aguantou na roda de fulanito, que lle arrancou a zuntanito… pero o tema das clasificacións non o ve lóxico, prefire contalo el na taberna, ou como o meu amigo "Pedro Máster": que corran si, pero non tanto.
Todo isto ben a conto dunha proba en concreto, pero é froito dunha perversión grave da linguaxe que nos levou a chamar a isto “cicloturismo” forzando a etimoloxía máis aló do que os seus límites permiten, cousa que resultou moi proveitosa nun principio e serviu pra dar un pulo importante ó ciclismo popular evitando o medo de moitos deportistas que non se vían capacitados para participar nunha carreira, pero que vai sendo hora de volver encauzar as cousas e chamar a cada cousa polo seu nome.
Despois da comida que nos ofreceu a organización e da cerimonia de podio falaba na Praia de Ézaro cos compañeiros de clube, cervexas mediante, sobre esta problemática e poñía Joki como exemplo a Maratón de Boston, onde algúns dos mellores atletas do mundo comparten proba con deportistas populares, cada quen cos seus medios, cada quen coas súas cualidades e cada un coa clase que ten… incluso cando fracasan.
0 Comentarios
Gracias por su comentario