O pasado 27 de xullo a norteamericana Simon Biles abandonaba a final olímpica por equipos e levaba ás portadas de medio mundo o gravísimo problema que existe no mundo do deporte de máximo nivel coa saúde mental dos deportistas.
Este enorme problema que fala moi ás claras do escaso nivel humano da nosa sociedade foi posto en primeira plana pola ximnasta estadounidense hai pouco máis dun mes… dende logo non deixou indiferente a ninguén, pero a diferencia de outras polémicas ridículas que saltan ás portadas nos nosos días a reivindicación de Biles viña acompañada por potentes e dolorosos argumentos. Rapidamente comezaban a soar nomes nas redaccións que apuntalaban a postura da ximnasta: a esquiadora Blanca Fernández Ochoa, o boxeador José Manuel Urtain, o capitán da Selección de wáter-polo Jesús Rollán, o saltador Yago Lamela ou o ciclista Luís Ocaña; todos pagaron o prezo máis caro por tocar a gloria do deporte.
Eusebio Unzué mostrábase ofendido e molesto diante de toda a audiencia de TVE, contribuíndo unha vez máis a aumentar a tremenda lousa psicolóxica que pesa sobre un profesional en forma de presión e que algúns non conseguen superar. Pero igual o propio Capo de Movistar recorda unha frase: “¡Eusebio no me jodas con la general! Yo te gano dos o tres etapas y listo”. A frase atribúese ó grandísimo José María Jiménez, un dos mellores escaladores de sempre que nos deixou un legado que aínda nos fai poñer o pelexo de galiña. Unhas lembranzas que gardamos coa propia voz de Carlos de Andrés de fondo vibrando coas súas fazañas. Chava deixou recordos imborrables e un baleiro tremendo no corazón dos que amamos este deporte. Non debemos permitir que se cuspa deste xeito sobre a súa memoria.
Poñamos un punto de cordura. NON MÁIS XOGUETES ROTOS!
0 Comentarios
Gracias por su comentario